A Residencia de Tempo Libre ofrecerá no futuro "un recorrido termal da comarca"

4, Febreiro 2014

Asi se propón no plan estratéxico de termalismo impulsado pola Xunta e Deputación para a provincia de Ourense. A residencia carballiñesa ofrecerá entre as súas prestacións futuras aloxamento para "un recorrido termal" polo Bañiño de Arcos, os balnearios do Carballiño e Partovia, a Rañoa de Maside e as augas de Brués.

O documento, presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén recolle outras actuacións no ámbito da comarca do Ribeiro, como son as vilas termais de Berán e Laias. Feijóo referíuse ao proxecto como "unha folla de ruta que permitirá á provincia de Ourense blindar o seu liderado no termalismo".

O investimento en todo o ámbito provincial, no coxunto das preto de cen actuacións previstas, acada os 94 millóns de euros. Desa cantidade, o 45% corresponde ás aportacións do sector privado e o resto -55%- de carácter público, que se financiarán con aportaicóns da Unión Europea no marco do novo reparto de fondos 2014-2020.