Ricardo Perea presenta ao empresario Celso Carballal Gómez como o seu nº 2 na canditura do Partido Popular

11, Abril 2019

No salón de actos o Aparthotel Arenteiro que se atopaba cheo, foi presentado Celso Carballal Gómez, coñecido empresario durante moitos anos no Carballiño, como número 2 da lista dos Populares.

Arroupado por Rosendo Fernández, secretario Xeral do PPOU, e por Argimiro Marnotes, presidente do PP do Carballiño, foi o propio Ricardo Perea, candidato á alcaldía, quen o presentou como “unha persoa honrada, traballadora e cercana, cunha experiencia e coñecemento de todo o territorio tanto urbano como rural, e das súas necesidades en infraestruturas".

“Non pode, un alcalde como no mandato actual, ser o propio concelleiro que xestione o día a día das melloras en obras, pois para iso necesítase unha dedicación especial, e xa non digamos coñecemento e oficio”, destacou Ricardo Perea, que ademáis aproveitou para dar uns avances sobre cales van a ser as líñas xerais do programa electoral do Partido Popular.

Celso Carballal advertiu que non se incorpora para dar grandes conferencias, senón que para traballar codo con codo, sendo un mais da brigada de obras, para transformala nunha ferramenta o mais moderna e útil posible e resolver xunto con eles, os problemas do pobo e dos veciños.

Traballará para que "no prazo dos 4 anos de mandato os 97 km de viais municipais esteen en perfecto estado de reposición e se garanta por parte do concello o seu mantemento alomenos durante os 10 anos seguintes, e todo sen distinción de barrio, parroquia ou pobo", subliñou.

Rosendo Fernández, dixo de Celso Carballal, que o coñece por agora “pola súa firme decisión de incorporarse activamente á política municipal, que xa non é pouco, ver que alguén se aparte dunha zona de confort persoal para dedicarse a mellorar a vida dos seus veciños”.