A Ruta das Tapas deste venres será o anticipo do antroido gastronómico

27, Febreiro 2019

Os catorce establecementos hostaleiros integrados na Ruta das Tapas celebran este venres, 1 de marzo, unha nova xornada de degustación de pinchos que, nesta ocasión, están dedicados aos Sabores do Entroido.

O evento, xunto coa Ruta dos Mil, que é o concurso de disfraces de peñas que organizan para este próximo sábado vinte locais hostaleiros da vila, foi presentado este mediodía no xardín da Praza Maior, nun acto ao que asistiron o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; o concelleiro de Alternativa Veciñal, Bernardo García; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a representante da adega Pazo Tizón, e representantes dos mesóns, bares e restaurantes integrados nesta iniciativa.

Manuel Dacal amosou o seu agradecemento aos hostaleiros, ao CCA, á adega Pazo Tizón e ás demáis entidades e marcas comerciais que fan posible esta demostración da gastronomía local, e que nesta ocasión se dedica aos produtos do entroido. Dixo que era unha iniciativa que estaba a ter moito éxito, e que, de feito, estábase manifestando como un gran espectáculo gastronómico que atraía a moita xente da vila e tamén de fóra.

Noelia Mares recordou que a consumición dun pincho conleva a posibilidade de obter premios directos, e que na app “quedamosdetapas” ofrécese toda a información da oferta de cada un dos establecementos. Así mesmo, fixo fincapé na gran variedade e calidade das tapas que elabora a restauración carballiñesa, e que nesta ocasión leva por lema Sabores do Entroido. Convidou a disfrazarse e percorrer os locais hostaleiros tanto este venres como o sábado na Ruta dos Mil.

Finalmente, un representante dos hostaleiros convidou á cidadanía a achegarse aos locais e degustar os seus pinchos.

Guiso de entroido, cocido de entroido, filloas de cocido, brocheta de chourizo e cacheira, as dúas orellas (douce e salada) e outras variedades culinarias baseadas en produtos propios deste tempo de entroido poderán degustarse ao prezo de 1,50€ este venres a partir das 20,00 h., en calquera dos catorce locais integrados na Ruta das Tapas.