Saen á venda, ao prezo de 45 euros, as tarxetas para o xantar da "Festa do Pulpo" no recinto do concello.

2, Agosto 2023

Conta atrás para a gran comida da Festa do Pulpo. As entradas poderán solicitarse a partir de mañá na Casa Consistorial. Os pases retiraranse, por orde de chegada, a partir das 9.00 horas a un prezo de 45 euros cada unha, tal e como vén de ser publicado no Boletín Oficial da Provincia do pasado 28 de xullo.

A gran comida en honor a este manxar terá lugar no Parque Municipal, o 13 de agosto. Unha das novidades desta edición será a recuperación da música tradicional cos concertos Son do Pulpo, a cargo de Coribantes de Buchabade e Ardentía. A música será protagonista todos os días de celebración, con concertos e charangas.
Faltan 11 días para a gran comida da Festa do Pulpo, se ben a programación arrancou esta semana coa Semana Grande para Pequenos, que celebrará esta tarde a gran festa da espuma, en horario de 19.00 a 21.00 horas e coa Veracruz como escenario.

Esta edición da Festa do Pulpo dedícase ao Camiño Miñoto para potenciar a súa internacionalización dentro da Ruta Xacobea, polo que a celebración será presentada o venres en Santiago de Compostela, nun acto que comezará ás 12.00 horas na Praza do Toural.

Outro dos pratos fortes da programación será, como é tradición, a elaboración da tapa máis grande do mundo, o 8 de agosto. Intentarase bater un novo récord con 580 quilos de pulpo e para a súa elaboración empregaranse 45 litros de aceite, 5 quilos de sal e 2 de pimentón. O Concurso de Camisetas, previsto para o 12 de agosto, contará con animación DJ, a partir das 18.00 horas.