A Saleta de 2024, a máis concurrida dos últimos anos, consolídase como a gran romaría da comarca do Carballiño.

19, Setembro 2024

Opinión unánime, a romaría da Saleta deste 2024, foi sen dúbida a máis concurrida dos últimos anos, o tempo de verán acompañou a celebración e durante toda a xornada foron varios milleiros de persoas os que se achegaron a esta paraxe da parroquia de Astureses, no concello de Boborás.

Pola mañá, a afluencia de devotos á capela foi unha constante, e na procesión da imaxe da Virxen da Saleta do mediodia, a participación foi a máis numerosa que se recorda en anos.

Á hora do xantar de romaría, non había unha mesa libre nas tabernas ambulantes que servían comida convertiron a Saleta nun gran comedor ao aire libre, ademáis das mesas de familias e pandillas de amigos repartidas pola contorna, que tamén foron probablemente as máis numerosas que se recordan nos últimos anos, e todo esto nun día xoves no que tan so foi festivo local no concello de Boborás.

A romaría, animada polo día con música tradicional e de charanga, despedíuse xa entrada a noite con ambiente de verbena co trio Nostalgia e a orquestra Ritmo Joven.

Un éxito de afluencia de público no que, sen dúbida, moito ten que ver o traballo e organización que desenvolve a comisión integrada por varios veciños da parroquia de Astureses que non so manteñen viva a tradición desta romaría da Saleta, senón que mesmo consiguen que cada ano vaia a máis.