A Semana Santa carballiñesa consolídase como referente na Galicia interior

14, Abril 2017

Miles de persoas participaron ou presenciaron no transcurso da última semana as actividades organizadas pola Cofradía da Veracruz, o que consolida á Semana Santa carballiñesa como o gran referente na Galicia interior.

Todas as actividades programadas están rexistrando unha gran afluencia de público, como as exposicións no Templo da Veracruz, as celebracións relixiosas, e tamén as catro grandes procesións, entre as que outro ano máis hai que destacar a máis popular de todas elas, a dos "caladiños", a procesión "estrela" da Semana Santa Carballiñesa. 

 Mención especial merece o traballo que desenvolve a Irmandade da Veracruz, que cada ano que pasa logra superarse, e este ano non foi menos, incorporando novos pasos, como o visto na procesión de Ramos ou a magnífica posta en escea na procesión nocturna do Xoves Santo.

Notable afluencia de turístas

A maiores das actividades da Cofradía da Veracruz, o concello do Carballiño organizou durante estes dias unha variada oferta de ocio e cultura, tanto para veciños como visitantes, que están contribuíndo a animar a vila nestas datas.

Ademáis, o bo tempo acompañou e favoreceu a participación en moitas destas actividades.

Á falta dun balance final  sobre a afluencia de turístas e a ocupación hoteleira desta Semana Santa 2017 no Carballiño, a impresión xeral apunta a unhos excelentes datos.