A Semana Santa do Carballiño, única da provincia declarada de Interese Turístico de Galicia, vive os seus dias grandes

1, Abril 2026

O Carballiño prepárase para vivir os días grandes da Semana Santa, a única da provincia declarada de Interese Turístico en Galicia. As procesións dos días grandes congregarán nas rúas a centos de visitantes, que se achegarán a coñecer o fervor relixioso da vila do Arenteiro. Os actos litúrxicos estarán acompañados de bandas de música, orfeóns, corais e incluso unha saeteira sevillana, Rocío Silva.

Este Xoves Santo, levarase a cabo a Procesión Penitencial da Sentenza e a Esperanza ás 21,00 horas. O itinerario arrancará no Templo da Veracruz e continuará na rúa dos Canteiros, rúa Aldara, Praza Maior, rúa Cesáreo Tizón, rúa Vulcano, rúa Tomás Mª Mosquera, rúa Rosalía de Castro, rúa Curros Enríquez, rúa Antonio Palacios e volta á Veracruz. A procesión inclúe dous pasos, o Xesús da Sentenza e a Misericordia e a Nosa Señora da Doce Esperanza, que contará por primeira vez cun trono propio, adquirido en 2025. A Banda de Música Municipal de Celanova e a Legio VIII Civitas Limicorum tamén participarán no desfile.

O Venres Santo será o de maior actividade, coa Procesión do Cristo da Saúde e a Procesión Solemne do Santo Enterro, máis coñecida como “Os Caladiños”. A Procesión do Cristo da Saúde partirá ás 12,00 horas do Templo da Veracruz para continuar pola rúa dos Canteiros, rúa Aldara, Praza Maior, rúa Cesáreo Tizón, rúa Vulcano, rúa Tomás Mª Mosquera, rúa Rosalía de Castro, rúa Curros Enríquez, rúa Antonio Palacios e volta á Veracruz. O Cristo da Saúde será o único paso, que irá custodiado por 14 penitentes. A banda AM. Sº Cristo de la Buena Muerte de Ferrol acompañará a procesión.

Pola noite, a partir das 21,00 horas, realizarase a procesión dos Caladiños. Os tres pasos, Santa María Magdalena e San Xoan ao pé da Cruz, Santísimo Cristo Xacente e a Nosa Señora das Dores, sairán do Templo da Veracruz e percorrerán as rúas Evaristo Vaamonde, Teresa Miras Portugal, Cesáreo Tizón, Igrexa Parroquial de San Cibrao, rúa Vulcano, Tomás Mª Mosquera, Praza Maior, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Antonio Palacios ata volver á Veracruz. A procesión contará coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación, a Banda de Música de Vilatuxe, o Orfeón do Carballiño, o Coro Xuvenil EnHarmonía, a Coral de Cámara Música Viva, a Coral A Torre de Maside e o Coro Parroquial do Carballiño. Ademais, a saeteira sevillana Rocío Silva interpretará varias saetas no interior e exterior do templo da Veracruz.

O Domingo de Pascua terá lugar a Procesión Gloriosa da Resurrección a partir das 11,00 horas. A procesión comezará no Templo da Veracruz e proseguirá pola rúa dos Canteiros, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Praza Maior, Tomás Mª Mosquera, Vulcano, Igrexa Parroquial de San Cibrao, Cesáreo Tizón, Aldara e Os Canteiros ata regresar á Veracruz. Os pasos, Sagrado Corazón de Xesús e Virxen das Dores, estarán acompañados pola Banda de Cornetas y Tambores Nuestro Padre Jesús Nazareno de Ferrol.

Por outra banda, ata o domingo, día 5 de abril, a poboación pode achegarse ao Templo da Veracruz para desfrutar da exposición “A Paixón segundo Playmobil 3.0”, organizada pola Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil (Aesclick).