A Sociedade "Proincasa" construirá unha superficie comercial de 6.120 m2 nos terreos anexos á estación de ferrocarril. O concello xa aprobou inicialmente o proxecto.

29, Febreiro 2020

A Sociedade Proincasa, propietaria dos terreos, renuncia ao proxecto inicicial que tiña previsto a construcción de cinco novos bloques de vivendas, que deberían sumarse aos tres xa iniciados e paralizados na súa construcción dende fai anos.

No estudo de detalle tramitado ante o concello do Carballiño, e inicialmente aprobado pola Xunta de Goberno, contémplase a ordenación dos 10.290 m2 que tén de superficie a parcela, sita ao leste da estación de ferrocarril do Carballiño, e con fachada á Avenida 25 de Xullo e á explanada de acceso á estación.

O novo proxecto mantén a licenza para os tres bloques de vivendas xa iniciados, cun total de 81 vivendas, mentres que en substitución dos cinco bloques restantes, dispónse unha nova edificación para uso comercial, que ocupa 3.060 m2 e cunha superficie construída total no conxunto de dúas plantas de 6.120 m2.

Aínda que o proxecto foi tramitado a instancias da sociedade Proincasa, por ser a propietaria dos terreos, fontes consultadas por COPE O Carballiño apuntan á firma valenciana Mercadona como promotora da superficie comercial, e coa finalidade abrir un gran supermercado nesta ubicación.

O concello deberá agora someter o expediente a información pública durante o prazo dun mes para que as persoas ás que poida interesar poidan examinar o mesmo e, se é o caso, presentar as alegacións que consideren oportunas.