Sorteo con vales de compra, Papa Noel, Tren do Nadal, e outras actividades infantís na programación do Carballiño Centro Comercial Aberto

18, Decembro 2018

Comprar neste Nadal en calquera dos centros comerciais adscritos ao CCA ten premio e agasallos. Así o amosaron o presidente e a xerente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga e Noelia Mares, respectivamente, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, durante a presentación do programa elaborado por esta entidade para desenvolver nestas datas.

Desde o pasado 14 de decembro, os establecementos inscritos no CCA entregan unha serie de boletos cos que se pode optar a algún dos premios en vales de compra que se adxudicarán co sorteo de Reis, así como pases para realizar un percorrido nun tres turístico ou xogar en colchonetas hinchables.

En total, o CCA repartirá 1.400 euros en vales de compra: Dous de 250 euros, coincidentes cos números do 1º e 2º premio da Lotería de Reis; e 18 vales de 50 euros, coincidentes coas catro últimas cifras do 1º e 2º premio da mesma lotería de Reis.

O tren turístico realizará tres percorridos diferentes polas rúas da vila os días 22 e 23 de decembro, en horarios de mañá e tarde.
Tamén se instalarán colchonetas hinchables en tres prazas da vila o día 4 de xaneiro, víspera da cabalgata de Reis.

O campamento ROBOCCAMB, de robótica e medio ambiente, desenvolverase os días 26, 27 e 28 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro.

E finalmente, o 22 de decembro fallarase o concurso de escaparates que terá dous premios consistentes nun cheque e un detalle conmemorativo para os mellores escaparates.

Adolfo Nogueira destacou a importancia do comercio local para O Carballiño, e fixo fincapé na gran oferta comercial da vila, que se intensifica durante estas festas, e que por iso esta campaña resulta esencial. Asi mesmo, diulle a enhoraboa aos directivos do CCA polo excelente traballo que desenvolven e, en concreto, por este programa.

Julián Garriga asegurou que dende a directiva do CCA estábase a facer todo o posible por mitigar os efectos da crise do comercio, e que o programa do Nadal ía encamiñado nesta dirección, con moitas iniciativas que fosen de interese para incrementar o atractivo de mercar no Carballiño.

Noelia Mares amosou a súa satisfacción por contribuir á dinamización do pobo e desglosou o programa de actividades, incidindo en que mercar no Carballiño neste Nadal ten premio. Por iso, destacou que para elaboralo pensouse tanto nos propios comerciantes como nas familias e nos clientes.