Teatro con Chévere, e música con Dasoul e Danny Romero na véspera da noiteboa

22, Decembro 2016

Na víspera de Noiteboa, O Carballiño ofrecerá dúas actividades de gran interese neste Nadal Cultural. Trátase da obra teatral Eroski Paraíso, da compañía Chévere, coa actuación estelar do actor Miguel de Lira, e do concerto de música latina e electrónica que ofrecerán, entre outros, Dasoul e Danny Romero.

O concerto que terá lugar na discoteca Isis Pharia este venres, 23 de decembro, a partir das 22,30 h., traerá ata O Carballiño a centenares de persoas que xa adquiriron as súas entradas para asistir a este evento musical que se prolongará ata as 6,30 h. da mañá do sábado. Na súa maioría serán mozos e mozas da capital da provincia, pero tamén doutras vilas e incluso doutras provincias.

Para facilitar o traslado ata a discoteca, sen necesidade de usar vehículo propio, hai un servizo de autobús dende Ourense, Ribadavia e O Carballiño. Tamén se habilitará unha zona de aparcamento de vehículos na Avenida do Arenteiro, accedendo á discoteca a través dunha das pasarelas do río.
A organización espera encher a práctica totalidade do aforo, que é de 1.800 persoas.

Ademáis de Dasoul e Danny Romero, que son a atracción máis destacada, o espectáculo contará cos mellores DJ de Galicia, da provincia e do Carballiño, como son Groove Amigos, The Prieto Brothers e Stewe Gómez. De aí que o evento terá unha duración de sete horas.

MIGUEL DE LIRA
Tamén o venres, pero ás 9 da noite, a compañía de teatro Chévere representará no auditorio municipal a comedia Eroski Paraíso. No elenco figuran Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Patricia de Lorenzo, Fidel Vázquez e Luís Martínez.

HINCHABLES PARA OS NENOS
O Centro Comercial Aberto ten previstas actividades de animación para este venres dia 23 de Decembro, instalaránse hinchables na rúa Curros Enríquez e na rúa do Paseo.

PAPÁ NOEL
A súa visita a O Carballiño será na tarde do 24 de Decembro, Papá Noel estará dende as seis da tarde na Praza Maior do Carballiño.

MONÓLOGO DE TOURIÑÁN
Por outra parte, o monólogo do humorista galego Touriñán, que terá lugar o sábado 14 de xaneiro, ás 21,00 h., colgou o cartel de “esgotadas as entradas”. A compañía promotora “Moitamerda Producións” xestiona neste intre un segundo pase para as 7 da tarde dese mesmo día. Esta posibilidade será anunciada nestes próximos días.

A segunda tempada do ciclo de monólogos “Carballiño Comedy2” está a suscitar un gran éxito. Así, no primeiro monólogo de Enrique San Fracisco, o 10 de decembro, esgotáronse as entradas e ainda quedou xente fóra do auditorio. E para este segundo monólogo, tamén se esgotaron as entradas.
Ambos eventos forman parte da programación do Nadal Cultural, coa oferta de concertos, monólogos, cine e teatro infantil, teatro e outras actividades dirixidas aos nenos, á mocidade e aos maiores para entreter e animar este tempo de Nadal.