Técnicos de AXEGA, Bombeiros e Protección Civil controlan unha mancha de hidrocarburos aparecida no regato do Varón

20, Xullo 2019

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) contribuíu, mediante a instalación de material absorbente, no control e contención dunha mancha de hidrocarburos localizada no Regato do Varón, no Carballiño.

Mediante esta actuación dos técnicos do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, logrouse conter o derrame e impidir que avanzase río abaixo.

Foi un veciño quen coa súa chamada ao 112 Galicia, cando estaban a piques de dar as once desta mañá, permitiu activar un operativo no que participaron os técnicos do Grupo de Apoio Loxístico en colaboración cos Bombeiros do Carballiño e os membros do servizo municipal de Protección Civil.

Segundo puideron comprobar os servizos de emerxencias alí desprazados, tratouse dun derrame de hidrocarburos que quedou estancado no Regato do Varón, á altura da Rúa Fontela. Nesa zona actuaron os técnicos de AXEGA e os Bombeiros do Carballiño mediante a colocación de mantas absorbentes, que permitiron reter a mancha e impidir que continuase o curso do regato ata a súa desembocadura no Río Avia.

Ademais, desde o 112 Galicia, puxéronse os feitos en coñecemento da Garda Civil e da Policía Autonómica co fin de determinar a orixe da vertedura.