A tecnoloxía e os restos do mundo dixital reúnen a un cento de profesionais da psicoloxía no Carballiño

15, Novembro 2018

O venres 23 de novembro dará comezo a vixésimo terceira edición das Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde que se centran nas tecnoloxías emerxentes e nos retos que supón unha contorna dixital para a psicoloxía. Será a primeira vez que este importante encontro profesional de carácter autonómico se celebre no Carballiño, que congregará a un cento de psicólogos e psicólogas do ámbito da saúde.

O evento foi presentado esta mañá nun acto desenvolvido no Casino coa asistencia da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Sanidade, e membro da xunta de goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía, Marina Ortega; o presidente do comité organizador das Xornadas, José Manuel Fariñas, e a presidenta do Casino, Noelia González.

Noelia González expresou a súa satisfacción por acoller nas instalacións do Casino un congreso de tanta trascendencia, e destacou o feito de que se celebren por primeira vez no Carballiño.

Marina Ortega agradeceu ao Colexio de Psicoloxía, así como ao comité científico a organización das Xornadas, dicindo que non eran unha edición máis senón unha convocatoria moi importante porque íase abordar o mundo das tecnoloxias cun gran nivel profesional.
José Manuel Fariñas agradeceu a colaboración do comité organizador, do concello do Carballiño, do Casino e do Centro Comercial Aberto, e destacou o traballo desenvolvido dende hai máis dun ano para organizar esta edición das Xornadas. Así mesmo, relatou o programa coas ponencias de destacados profesionais que acudirán ao encontro.

Nesta Xornadas, que levan por título “Das vellas tecnoloxías ás tecnoloxías emerxentes; a dixitalización das contornas e das relación” tentarase reflexionar sobre o impacto tanto na sociedade en xeral como na práctica clínica. Así debaterase sobre o impacto da intervención terapéutica online, das aplicacións tecnolóxicas que se están a empregar no eido psicolóxico ou preocupacións tan en auxe como as adiccións sen substancia ás tecnoloxías.

O concello do Carballiño e mais o Casino son entidades colaboradoras das Xornadas, que contan co aval da Asociación Salud Digital e que teñan o recoñecemento de formación continuada do sistema Nacional de Saúde. O comité organizador está integrado por José Manuel Fariñas Darriba e Marina Ortega Otero, mentres que forman parte do comité científico desta edición José Manuel González González, Ana López Durán e José Eduardo Rodríguez Otero.

O presidente da Asociación Salud Digital, Jaime del Barrio Seoane, médico e actualmente “senior advisor” na área de “Healthcare & Life Sciences” de Ernst & Young, será o encargado de ofrecer a conferencia inaugural o venres 23, co nome de “A xestión da saúde nun click: mapas da era dixital, evolución, situación actual e perspectivas”. A seguir, será o momento da análise da terapia online, coa experiencia da psicóloga clínica Mar Aparicio Sanz e do médido psiquiatra Óscar Fernández Torre, de Cantabri, mentres que a avogada Cecilia Barros Díaz exporá os aspectos xurídicos e deontolóxicos do uso de novas tecnoloxías na práctica psicolóxica.

Xa na tarde do venres exporanse dúas caras opostas do impacto tecnolóxico na vida das persoas. Por unha banda, a psicóloga de FEAFES Galicia – Ourense, Patricia Gómez Salgado, reflexionará sobre como estas ferramentas poden favorecer a dinamización e a integración; mentres que o psiquiatra da Unidade de Condutas Aditivas de Ourense Gerardo Flórez Menéndez tratará o abuso do tecnolóxico.

Pechará a xornada do venres unha mesa redonda sobre as potencialidades comunicativas que ofrecen as TIC, O psicólogo clínico Xacobe Abel Fernández García exporá a súa experiencia na moderación dun grupo de redes sociais para a dinamización profesional, mentres que a psicóloga María José Fares Varela e experta en xerontoloxía tratará sobre a fenda dixital e como superala.

Na xornada do sábado será a quenda de aplicación tecnolóxicas “e-Motional Training” para o tratamento e a rehabilitación do funcionamento cognitivo será exposto polo psiquiatra Alexandre García Caballero, do Complexo Hospitalario de Ourense; mentres que Lucía Maneiro Santamaría e Rafael Tourón Estévez reflexionarán sobre as posibilidades da realidade virtual aumentada para a resolución de dificultades como creadores do software PsicoVR.

O peche destas xornadas correrá por conta de Ana Calero Elvira, doutora en Psicoloxía e directora da Clínica Universitaria do Centro de Psicoloxía Aplicada da Universidade Autónoma de Madrid, que presentará a conferencia titulada “O impacto das tecnoloxías emerxentes na atención psicolóxica: reflexións e consideracións desde “o tradicional”.

Tamén haberá oportunidade para actividades internas da Sección de Psicoloxía e Saúde, como a presentación do Anuario de Psicoloxía e Saúde, que chega ao seu decimo primeiro número.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico de maior antigüidade organizado polo COPG, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde.