Tiruleque trae a O Carballiño unha selección do mellor teatro afeccionado da tempada, durante o vindeiro mes de Outubro, cun total de seis representacións

28, Setembro 2019

Unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado que organiza Tiruleque Teatro traerá ao Carballiño do 5 ao 27 de outubro algunhas das mellores producións de teatro afeccionado de Galicia.

Cinco compañías, ademáis de Tiruleque, que organiza a mostra, acudirán ao auditorio municipal Manuel María con cinco comedias, que foron as elexidas polo xurado dun total de vinte e sete propostas recibidas.

En concreto, o programa o abrirá Tiruleque coa obra “A Farsa de Maitre Pathelin”, que se representará o 5 e o 6 de outubro.

O 12 de outubro será a quenda de Sangue de Dragón (Narón) coa obra “Algo pasa con Paco”.

O 19 de outubro actuará Namarella (Verín) coa obra “W.C. (O baño)”.

O 20 de outubro tócalle a La Barata Producións (Santiago) coa obra “Solo de Triangulo”.

O 26 de outubro estará a Agrupación Teatral Mariñán (Betanzos) coa obra “Insania”.

E, como remate, actuará Porta Aberta (Vigo) coa obra “Estraños Hábitos”.

Todas as representacións serán no auditorio municipal Manuel María ás 20,30 h., e o prezo das entradas será de 3 euros, agás as dúas primeiras representaciòns, as do 5 e 6 de outubro de Tiruleque con “A Farsa de Maitre Pathelín”, que terán un prezo de 5 euros.

O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os representantes de Tiruleque, Xosé Prada, Florindo González, Lidia Giselle Almonte e Mª del Carmen Fernández.

Diego Fernández destacou o labor que desenvolve a compañía de teatro Tiruleque e o esforzo que realiza para organizar esta mostra de teatro afeccionado que , tras doce anos de traxectoria, é xa un referente en Galicia.

Xosé Prada explicou o proceso de selección das obras, que comezou en febreiro deste co envío de máis de duascentas cincuenta convocatorias a compañías e escolas de teatro de toda Galicia, e que, tras recibir vinte e sete propostas, seleccionáronse cinco obras de cinco compañías, ademáis da obra de Tiruleque. Ao respecto, dixo que se trata de comedias de boa calidade, e destacou, sobre todo, a nova produción de Tiruleque “A Farsa de Maitre Pathelín”, que abrirá o festival, e que se estrenou o pasado 22 de outubro en Lugo cun gran éxito.

Florindo González coincidiu con Xosé Prada na boa oferta da Mostra así como na estrea no Carballiño de A Farsa de Maitre Pathelín, que será a estrela do certame. Tamén se referiu á promoción do teatro entre o público infantil e xuvenil a través dos centros educativos.

Lidia Giselle Almonte anunciou o Premio á mellor obra da Mostra, que otorga Tiruleque, e que conleva acudir ao festival o próximo ano, e amosou o agradecemento da compañía teatral carballiñesa ás institucións (Concello e Deputación Provincial), Ies nº 1, Festa da Historia de Ribadavia e persoas que colaboraron tanto na montaxe da súa obra como na propia Mostra.