Tumban o orzamento municipal do Irixo ao votar en contra o concelleiro do grupo de goberno Juan Manuel Villanueva. O Partido Popular pide un pleno extraordinario e insta á alcaldesa a que se someta a unha cuestión de confianza

19, Xuño 2024

As augas baixan revoltas no concello do Irixo, aínda que en realidade nunca estiveron en calma neste primeiro ano de mandato municipal que agora se cumpre, moción de censura incluída que presentaran Xuntos e PSOE, que conseguiran desaloxar da alcaldía ao popular Manuel Cerdeira e colocar a Susana Iglesias como nova alcaldesa.

No pleno da corporación municipal celebrado a última hora da tarde deste xoves foron rexeitados os orzamentos para este ano 2024 presentados polo grupo de goberno, tras unha votación na que se rexistraron 4 votos a favor (2 de Xuntos e 2 do grupo socialista) e 5 votos en contra, os 4 do Partido Popular e o do concelleiro de Xuntos Juan Manuel Villanueva.

Villlanueva xustificou o seu voto en contra tras tildar de dictatorial e personalista a actitude que mantén a alcaldesa do seu propio grupo, Xuntos polo Irixo, Susana Iglesias.

Nada máis rematada a sesión, o grupo municipal popular  solicitou na Sede Electrónica do Concello do Irixo a convocatoria dun pleno extraordinario no que insta á alcaldesa do Irixo a someterse a unha cuestión de confianza ligada á aprobación dos orzamentos ante a corporación municipal.

Ademáis desta  actuación do concelleiro Juan Manuel Villanueva que tumbou o proxecto de orzamentos, a relación entre os socios do grupo de goberno, Xuntos e PSOE, ven acumulando varios episodios de tensión no transcurso dos últimos meses, o que abre unha situación de moita incerteza no futuro político inmediato deste concello.