TVG-2 retransmitirá o CD Arenteiro-CD Boiro, dentro do programa de actos conmemorativos do 60 aniversario da entidade carballiñesa

19, Abril 2018

O Club Deportivo Arenteiro celebrará por todo o alto o sesenta aniversario da creación da entidade, e por iso ten previsto desenvolver un programa de actos que terán lugar o sábado, 28 de abril.

Este programa foi presentado esta mañá polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; o presidente do club, Xan Fernández Pinal; o vicepresidente, Manuel Sotelo; e Paco Cachorro. Ese día, o sábado 28 de abril, ás 12,30 h., inaugurarase na casa do concello unha exposición fotográfica e de material histórico de C.D. Arenteiro, que consta de oito paneis.

Esta exposición permanecerá ata o 4 de maio, e a partir desa data colocarase de forma permanente no túnel da entrada de Espiñedo. Ás 13,00 h., desenvolverase no salón de plenos do concello un acto institucional ao que están invitados todos os afeccionados que queiran asistir, ademáis de autoridades, xogadores e directivos.

Neste acto estrenarase o Himno do 60 aniversario de C.D. Arenteiro, con letra de Emilio Rodríguez e música de Cristian Casas, que será interpretado polo Orfeón do Carballiño. Ás 14,00 h., terá lugar un xantar de confraternidade no restauraunte A Fuchela, para o que xa están á venda as tarxetas ao prezo de 25 euros, que se poden adquirir ata o xoves, 26 de abril, no propio restaurante.

E pola tarde, ás 16,30 h., a TVG retransmitirá íntegramente dende o estadio de Espiñedo o encontro correspondente á xornada 35, que disputarán C.D. Arenteiro e C.D. Boiro. Neste partido, o Arenteiro lucirá unha camiseta conmemorativa deste aniversario, que foi deseñada cunha clara evocación á camiseta dos primeiros anos de C.D. Arenteiro, o que se percibe, sobre todo, no escudo.

Na presentación deste programa, Francisco Fumega amosouse moi honrado por poder participar, como alcalde e como carballiñés, no acto que conmemora non só o nacemento do club de fútbol, senón unha época de fulgor do Carballiño a mediados do século XX. “A historia do Arenteiro é a historia do Carballiño –dixo ao respecto-; unha época na que se viviu intensamente as cores, o sentimento do pobo e levar o nome do Carballiño por toda Galicia. Por isto, expresou os seus parabéns ao club. Manuel Dacal compartiu esta felicitación e lembrou a súa época de ligazón co Arenteiro como xogador.

Lembrou a traxectoria do club, en consonancia co crecemento da vila, e tivo unha mención xenérica para os xogadores e directivos que fixeron historia no equipo. Tamén resaltou as melloras que se levan a cabo nas instalacións do estadio.

Finalmente, Xan Fernández Pinal referiuse a esta efeméride como unha opoetunidade de facer memoria do Carballiño dos últimos sesenta anos. Expuxo polo miúdo o programa previsto, destacando a exposición na que se recollen episodios, tanto alegres como algúns tristes, de sesenta anos de andaina, recollidos en oito paneis que serán ubicados de forma permanente a partir do 4 de maio no estadio de Espiñedo. Agradeceu ao delegado do club Julio Nóvoa, así como a Paco Cachorro e Manuel Sotelo, entre outros, a colaboración para recopilar o material que figura na exposición.

O presidente do club tamén tivo unas palabras de agradecemento para os creadores do Himno do 60 Aniversario, e, especialmente, para os afeccionados da diáspora, que dende os países máis remotos do mundo seguen cada domingo a marcha do equipo. Neste senso, recordou a importancia da retransmisión do partido contra o Boiro pola TVG, xa que hai emigrantes carballiñeses en Australia, Suíza, México, Panamá e outros países, que seguen os resultados pola Radio Galega.

Finalmente, convidou a todos os afeccionados e veciños a participar nos actos, e agradeceu a colaboración das empresas patrocinadoras e do concello. Para difundir este programa de actos, C.D. Arenteiro editou un díptico no que se resume a historia do club e se reproducen os nomes dos vintedous presidentes e trinta e cinco adestradores que tivo a entidade nestes sesenta anos.