Un acto institucional no concello e unha concentración na Praza Maior conmemoran o Dia Internacional das Mulleres

8, Marzo 2019

Centros educativos, asociacións e veciñanza participaron esta mañá nos actos celebrados no salón de plenos do concello e na Praza Maior polo Día Internacional das Mulleres.

En ambos eventos demandouse a plena igualdade entre mulleres e homes, e rexeitouse calquera tipo de discriminación por razón de sexo así como calquera tipo de violencia machista.

No acto, que tivo lugar ás 12 no salón de plenos do concello, e que foi presentado pola actriz do grupo de teatro “Dar Trela”, Clara Vázquez, interviñeron o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Igualdade, Marina Ortega; os centros educativos Bo Día Familia, Escola Infantil Trastes e Instituto Chamoso Lamas, así como os colectivos Aspdisi, Asdifica e Cruz Vermella.

Tras o saúda do alcalde, a concelleira de Igualdade diu lectura a un manifesto, e posteriormente interviñeron representantes dos colectivos e centros educativos presentes que, en todos os casos, puxeron de manifesto a necesidade de seguir avanzando na igualdade real de mulleres e homes, rexeitando calquera tipo de discriminación laboral, social ou de calquera outra índole por razón de sexo.

Finalmente, como peche, interpretaron unha canción composta para esta ocasión a cantante Marta Bravo e o guitarrista Héctor Lorenzo.
A este acto asistiron concelleiras e concelleiros do grupo de goberno, do grupo do Partido Popular, do BNG e de Alternativa Veciñal AV-SON, así como moitas veciñas e veciños que abarrotaron o salón de plenos do concello.

Ao termo deste acto, ás 12,45 h., tivo lugar unha concentración na Praza Maior de apoio á folga e á mobilización de hoxe polo 8 de marzo, e na que leron unhas proclamas a prol das mulleres dúas alumnas do Instituto Chamoso Lamas.