Un grupo de voluntarios carballiñeses pon en marcha as "Brigadas Caninas"

3, Agosto 2013

A área de Voluntariado que dirixe a edil Pilar Caride iniciou unha campaña de información e sensibilización entre os propietarios de cans, para evitar que os cans deixen as súas feces no chan, manchando as beirarrúas e as rúas, e ofrecendo unha mala imaxe do Carballiño . 

Caride sinalaba que "somos conscientes que a maioría dos propietarios de cans son respectuosos con estas accións, pero queremos chegar a todos e, sobre todo, atender unha demanda veciñal sobre este problema de limpeza".

Para iso dende hai unhas semanas un grupo de voluntarios do Carballiño, nesta ocasión todos mozos da vila, realizaron varias reunións para poñer en marcha este programa. Trátase de informar directamente os propietarios de cans, e os veciños en xeral. Neste sentido os voluntarios realizaron xa un mapa das zonas onde deben actuar, despois de comprobar cales son as rúas e prazas onde máis van os cans cos seus amos. Prazas como a da Veracruz ou o Parque Municipal.

Tamén están a marcar un horario para poder informar directamente os usuarios. A primeira hora da mañá e a última da tarde, que é cando saen a pasear cos seus cans.

Sobre a información, estanse a realizar uns panfletos onde se explica que deben facer cando o seu animal de compañía deposite as súas feces na rúa, onde se encontran os lugares para depositar as bolsas unha vez usadas. Nos mesmos panfletos se informará tamén das sancións consideradas para os que non cumpran a normativa municipal a este respecto.

En pouco tempo estas "brigadas caninas" estarán na rúa, informando a todos os veciños. Estes voluntarios estarán debidamente identificados, con petos e camisetas que indiquen que pertencen a ese grupo. Segundo sinalaba Pilar Cardide "esta é unha das accións que pretendemos realizar para conseguir un carballiñomáis limpo, e polo tanto máis atractivo tanto aos veciños coma aos visitantes. Nestes momentos existen outras accións que estamos a proxectar e que en pouco tempo poderemos xa anunciar", subliñou.