Unha bebé de Beariz, nacida o 31 de Decembro, última beneficiaria do ChegOU 2021. A Deputación recorda que xa poden solicitarse as axudas para este ano.

1, Febreiro 2022

A casa do concello de Beariz acolleu un acto simbólico no que a deputada de Igualdade e Reto Demográfico da Deputación Provincial, Luz Doporto, acompañada do alcalde, Manuel Prado, fixo entrega da última das tarxetas do programa de axudas de 2021 a Leticia Domínguez, nai dunha bebé nacida o 31 de decembro.

O programa ChegOU da Deputación ourensá inclúe unha tarxeta con 300 ou 500 euros, segundo a clasificación de prioridade demográfica do municipio no que resida a familia, para gastos relacionados con produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde do bebé.

Luz Doporto lembrou que o programa se puxo en marcha en 2016 e que, desde entón, repartiu un total de 2,3 millóns de euros en axudas a 7.799 beneficiarios.

A Deputación de Ourense destina este ano 300.000 euros ás subvencións para o fomento da natalidade do programa ChegOU, que xa se poden solicitar.

Estas axudas están dirixidas ás persoas que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano, teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores.