Unha modificación puntual permitirá adaptar o PXOM ao proxecto de reforma do Gran Balneario

24, Outubro 2016

O concello do Carballiño está dando os pasos legais pertinentes para posibilitar o proxecto de reforma do Gran Balneario, que elabora o arquitecto Manuel Gallego Jorreto por encargo da xerencia deste establecemento termal, que cumpre cento dezaseis anos de existencia.

Este trámite, que será informado mañá na comisión municipal de Obras Urbanismo e Servizos Públicos, e que será levado ao próximo pleno para a súa aprobación, ven motivado pola procura de adapta-la regulación da zona edificable incluida na parcela do Balneario do Carballiño, acorde coas necesidades actuais da actividade, e para corrección de varios erros que existen no plano de ordenación A1-12 do PXOM.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Carballiño foi aprobado definitivamente o 11 de marzo de 1999, e tivo varias modificacións puntuais ata a data de hoxe.

Trátase dunha modificación puntual do plan xeral, que afecta únicamente á parcela do Balneario, e non supón cambios illados na clasificación e calificación do solo ou delimitación do ámbito dos polígonos, nin afectan á estrutura xeral e orgánica do territorio ou da clasificación do solo.

A reforma prevista no Gran Balneario non afectará aos edificios históricos, Casa de Baños e Fonte, nin ao arbolado e zona verde do recinto, senón que se realizará na parte media/baixa da parcela, onde se ubicarán as novas instalacións. O autor do proxecto será o arquitecto nado no Carballiño e galardoado co Premio Nacional de Arquitectura, Manuel Gallego Jorreto, que hai uns días nunhas xornadas adicadas a Daniel Vázquez-Gulías definiu a Casa de Baños do Balneario como unhas das boas obras deste arquitecto nado en Bearíz.

A previsión é que para o próximo ano poida rematarse este proxecto de reforma e comezar coas obras.

Dase a circunstancia, ademáis, que a finais deste ano 2016 será inaugurado o novo Balneario das Caldas de Partovia, polo que nun período de dous anos O Carballiño contará con dous establecementos termáis históricos completamente modernizados, o que suporá un cambio moi significativo para o relanzamento do Carballiño como unha das grandes vilas termais de Galicia