Unhas vacacións en Mallorca para 2 persoas, premio da campaña de verán na Praza de Abastos

17, Xullo 2017

A Praza Abastos premiará as compras que se realicen durante este verán sorteando unha viaxe para dúas persoas a Palma Mallorca. Co eslogan de “Levámoste de vacacións" este verán a praza de abastos sortea unha viaxe a Mallorca”, a asociación de praceiros pon en marcha esta campaña de promoción das ventas, que comezará mañá, 18 de xullo e culminará o 14 de setembro, día no que se realizará o sorteo, ás 13,00 h.

Esta iniciativa foi presentada no concello do Carballiño polo concelleiro Adolfo Nogueira, o presidente da asociación, Eligio González, e a directiva da asociación Rosa Carou.

Adolfo Nogueira felicitou aos praceiros polo seu dinamismo e tamén por constituir legalmente a asociación, o que lles permitirá solicitar máis axudas institucionais. Asegurou que o compromiso do concello coa praza de abastos é absoluto, e que recentemente procedeuse a unha nova limpeza da pedra do exterior do edificio, ademáis de todas as melloras levadas a cabo mediante subvencións solicitadas polo concello á Xunta. Tamén ensalzou a unidade amosada polos propietarios dos postos da praza, reforzando o colectivo e permitindo levar a cabo actividades de promoción como esta campaña de verán.

O presidente dos praceiros presentou a campaña aducindo que esperaban un éxito semellante ás anteriores, e que a partir deste martes 18 de xullo a clientela xa podía cubrir as papeletas e introducilas nas urnas para optar ao premio dunha viaxe dunha semana para dúas persoas a Palma de Mallorca, con todo incluido: avión dende Santiago a Palma e regreso, así como a estancia dunha semana nun hotel de 3 estrelas en réxime de media pensión. Estas papeletas serán entregadas nos postos ata o día do sorteo, o 14 de setembro, a quen realice as súas compras no mercado municipal.

González asegurou que a praza de abastos estaba nunha etapa de claro crecemento, algo que veñen notando nos últimos dous anos, aumentando tanto en cantidade como en calidade. Ao respecto dixo que a praza é hoxe un lugar atractivo e funcional, ao que se lle está dando un gran dinamismo dende a asociación. Por iso agradeceu o traballo e a unión que amosan todos os propietarios dos postos.