Veciños da rúa do Paseo critican a falla de información municipal sobre unha instalación que realiza gas natural

19, Maio 2009

Un numeroso grupo de veciños residentes na rúa Mosquera acudiron esta mañá á casa do Concello do Carballiño en demanda de información dunha obra da  rede de gas ciudad, que se está executando desde fai varios dias  nesta zona, e que provocou intranquilidade entre a veciñanza, ó descoñecer  o proxecto que se está levando a cabo, e ante a sospeita que pudera tratarse da instalación dalgún  deposito de gas. O concelleiro de Obras e Servizos, Edelmiro Mateo, e técnicos da propia empresa instaladora, explicaron os veciños, no transcurso dunha reunión,que se trata dun  "armario de control" no que se instalarán válvulas reguladoras de presión, que non supoñen ningún perigo "máis que o que pode supoñer unha bombona de butano nunha vivenda" e que en ningún caso "se trata da instalación dun depósito de almacenaxe de gas". As explicacións non convenceron ós veciños que foron moi críticos coa falla de información por parte do Concello do Carballiño sobre este proxecto, do que non tiveron coñecemento atá que principiaron as obras. Entenden que o lugar elixido non é o máis apropiado, e ademáis pode afectar a cimentación de edificios que están apenas a un metro de distancia do lugar no que se está procedendo a instalar esta infraestructura. Mentres, desde o Concello asegurase que o lugar é o maís idóneo e a obra conta con todas as medidas de seguridade e legais esixidas. Veciños e responsables municipais quedaron emplazados para unha nova reunión a celebrar proximamente.