A Veracruz, elixida entre os 8 bens patrimoniais máis representativos de Galicia, na campaña "Por outros tantos máis" que lanza a Xunta para promover o coidado do patrimonio cultural.

6, Agosto 2023

A Xunta de Galicia lanza a campaña Por outros tantos máis coa que o Goberno galego busca promover o coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao Mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, coincidindo co inicio desta iniciativa.

Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, o obxectivo desta acción é “fomentar a sensibilización e concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”. Para iso, a Administración autonómica elixe oito bens patrimoniais da Comunidade que representan a gran riqueza patrimonial de todo o territorio con exemplos de diferentes tipoloxías, estilos, épocas e zonas.

En concreto, a campaña difunde imaxes de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.

“A campaña é un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a nosa identidade como pobo”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que serve tamén como chamamento “á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural”. Entre eles atópanse 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados.