A Veracruz xa loce o xogo de luces ideado por Palacios con 59 novos proxectores e luminarias

6, Agosto 2025

O Concello do Carballiño acendeu na noite deste mércores 6 de agosto a nova iluminación do templo e da praza da Veracruz nunha noite moi especial, dentro da semana grande da 63ª Festa do Pulpo e antes do concerto do Cuarteto Alfonso Medela “On cue”.

Os asistentes puideron gozar en vivo e directo do acendido dos 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, ubicados arredor do templo. A intervención supón un salto de calidade respecto á iluminación antiga, coa sustitución dos antiguos proxectores por novos puntos de luz e a recuperación do deseño lumínico orixinal ideado polo arquitecto Antonio Palacios.

Coa iluminación de hoxe, o Concello do Carballiño ponlle o broche aos actos organizados con motivo do 150 aniversario do arquitecto Antonio Palacios, aínda que seguirá a difundir a súa obra e o seu legado, que na vila ten unha das súas obras máis importante e a principal no ámbito relixioso. Nesa liña, este sábado o templo acolle o concerto de Emocións Sonoras da Xove Orquestra Ourensanía, unha cita para escoitar música á luz das candeas.

O proxecto de iluminación, financiado con fondos europeos, foi redactado e dirixido por Audites e adxudicado á empresa Acelec Instalaciones Eléctricas, cun investimento de 87.846,00 euros. A solución técnica foi consensuada coa oficina técnica de Patrimonio Cultural, garantindo o respecto ao valor patrimonial do conxunto.

A actuación incluíu a retirada da iluminación que discorría polo perímetro e cuberta do templo, eliminando tamén todo o cableado e substituíndo os 78 proxectores e as 11 luminarias existentes por 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, todos eles con tecnoloxía LED de alto rendemento fabricados por Moonoff.

A maior parte deste novos elementos instaláronse en 4 columnas de 6 e 10 metros de altura, situadas fóra do perímetro do templo e aliñadas cos seus eixes principais. Tamén se instalaron proxectores, dirixidos cara ao templo, na casa parroquial. As novas lentes e potencias están adaptadas a cada elemento a iluminar, garantindo unha correcta direccionalidade que diminuirá a contaminación lumínica.

Os únicos proxectores que quedaron colocados sobre o templo son os do interior da torre.

“Esta intervención non só dignifica un espazo emblemático para a veciñanza e un dos lugares máis visitados polos miles de turistas que chegan cada ano á vila, senón que tamén serve como homenaxe á figura de Antonio Palacios, apenas un ano despois de celebrarse os 150 anos do seu nacemento no Porriño (Pontevedra)”, destaca o goberno local.

Ademais da substitución do cadro eléctrico, canalizacións e conexións, o proxecto contemplou o reforzo das luces do anfiteatro e a posta en valor dos volumes arquitectónicos da Veracruz, recuperando o xogo de luces concibido por Palacios e un tono de luz especial no interior do templo, que marcará “un antes e un despois”, segundo explica o inxeñeiro, Enrique Pardo, responsable da empresa adxudicataria do proxecto.

A nova iluminación mellorou tamén a seguridade da contorna, actualmente con varias zonas escuras, e supón un aforro enerxético superior ao 60%, contribuíndo así á sostibilidade e ao equilibrio orzamentario municipal.