Visita carballiñesa ao Centro Galego e o colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires

14, Novembro 2018

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, xunto co concelleiro Xosé Francisco Ferreiro, e o presidente da Deputación provincial, José Manuel Baltar, visitaron o Centro Galego de Bos Aires, entidade que se atopa en grave perigo de desaparición por problemas económicos, e que resulta de gran interese para milleiros de emigrantes e descendentes, que tiñan ata agora ao Centro Galego como único referente hospitalario.

De feito, durante a visita ao centro, as autoridades carballiñesas e ourensás fotografáronse cun grupo de manifestantes que pedían a salvagarda do hospital.

Por outra parte, o rexidor carballiñés, que viaxou a Bos Aires por invitación da Deputación provincial, tamén visitou o colexio Santiago Apóstol, no que se promove a cultura galega, e algúns de cuxos alumnos teñen visitado a vila carballiñesa nestes últimos dous anos.

Precisamente por este motivo, os responsables do centro agradeceron a boa acollida do alcalde e o concello carballiñés a estes alumnos durante estas visitas.