A voceira do PSdeG, Lorena Peleteiro, cualifica de “bochornosa” a actitude amosada polo tenente de alcalde, Eladio Fernández no pleno municipal. O PSdeG-PSOE afirma que PP e CxG dan a calada por resposta sobre o pacto de ambos.

28, Xullo 2023

O PSdeG-PSOE de Punxín critica a postura do Partido Popular e Compromiso por Galicia, que a día de hoxe, e máis dun mes despois do pleno de investidura, seguen sen dar explicacións sobre as condicións do seu pacto de goberno. No pleno municipal celebrado no día de onte, as e os socialistas pediron explicacións e información sobre o pacto acadado entre ambas formacións para o goberno municipal os vindeiros 4 anos, pero atopáronse “coa calada por resposta”.

Dende o grupo municipal socialista afirman que se trata dun pacto “contra natura” e no que segundo manifestan “priman as mentiras”. As e os socialistas argumentan que “en menos dun mes xa nos decatamos de varias mentiras por parte de ambas formacións” e destacan como unha das máis sonadas “as competencias do líder de Compromiso por Galicia na localidade, Eladio Fernández, que segundo afirmaban ía gozar de certas competencias con este acordo, das que a día de hoxe, nada se sabe”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, cualifica de “bochornosa” a actitude amosada polo tenente de alcalde, Eladio Fernández, e afirma que “estou convencida de que si eu non fora unha muller, non se dirixiría a min no ton e nas formas nas que o fixo durante o pleno”. A líder dos e das socialistas de Punxín subliña que Fernández “en vez de darnos as explicacións pertinentes sobre o pacto de goberno, dános leccións sobre como temos que facer o noso traballo, deixando en evidencia que este acordo non ten nada que ver co beneficio de Punxín, senón co seu propio ben e beneficio persoal”.

Peleteiro Vázquez tamén destaca que “estamos ante unha mostra máis de como o PP e CxG xogan cos intereses de Punxín e da súa veciñanza, co único fin de obter rédito persoal dun pacto de goberno anti natura”. A voceira socialista esíxelle a ambos partidos que “reflexionen e se poñan a traballar dunha vez por todas pola veciñanza e non por repartirse cargos”.

Dende o PSdeG-PSOe de Punxín poñen de manifesto que seguirán mantendo a liña que mantiveron ata o de agora e que fixo que subiran un concelleiro nas últimas eleccións. “Imos a seguir a traballar como a oposición construtiva que somos, mantendo a coherencia como unha das nosas sinais de identidade, como viñemos facendo ata o de agora”, finalizan os e as socialistas.