"Xentes do Carballiño 1890-1990", unha aproximación á historia local en 250 fotografias

21, Xullo 2016

Duascentas cincuenta fotografías en cento vinte páxinas. Estes son os datos máis significativos do libro de fotografías XENTES DO CARBALLIÑO 1890-1990, que foi presentado este mediodía polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os membros da Asociación Fotográfica O Potitos, José Luis Diz e Manuel Blanco.

O libro, editado por esta asociación co financiamento do concello, sae á luz no marco das XOCIVIGA 2016, seguindo a pegada doutras dúas publicacións anteriores. Conta, asemade, con textos introductorios do Potiños, do alcalde e de Miguel Anxo Fernández, que realizou a primeira edición dun libro de fotografías antigas do Carballiño hai xa moitos anos.

Francisco Fumega agradeceu o traballo realizado para a colleita das fotografías, así como a colaboración das persoas que as cederon, e salientou que é unha parte da historia do Carballiño. “Para quen, coma min, adoitamos investigar nos arquivos históricos, é un pracer ollar esta escolma gráfica e documental da memoria viva do Carballiño”, dixo.

O alcalde engadiu que “estamos ante un libro que xorde dunha iniciativa da Asociación O Potiños para promover a recuperación de fotografías antigas. Ainda que só fose por iso, xa merece o noso recoñecemento”. Ademáis, subliñou que “queremos contribuír a conservar e valorizar o noso patrimonio, que non o conforman só os vestixios históricos ou os monumentos, senón tamén todo aquilo que represente, dunha ou doutra forma, un significado para a colectividade. E esta é, precisamente, a intencionalidade e, quizais, a principal achega deste libro”.

Manuel Blanco amosou a súa satisfacción por ver impreso neste libro o traballo de seis meses de colleita de mil fotografías antigas, das que duascentas cincuenta foron seleccionadas para a publicación. Referiuse á importancia da elaboración dun arquito fotográfico do Carballiño, como o que realiza O Potiños, e destacou como un dos elementos diferenciais do libro a posibilidade de ver os cambios suscitados nas xentes do Carballiño ao longo de todos estes anos.

Finalmente, José Luis Diz, que realizou a selección das fotografías por seccións, explicou o sentido de cada unha para darlle coherencia á publicación. En total, hai nove seccións, con fotografías anteriores a 1940 e outras referidas a personaxes, alcaldes, cregos, familias, negocios e incluso unha sección dedicada ao cruceiro da Saleta, que é un lugar onde se tomaron fotografías de cantas xuntanzas de mozos e mozas se teñen celebrado nesta romaría.

A tirada do libro, que se venderá no marco das Xociviga e na Oficina de Turismo pola Asociación O Potitos, é de cincocentos exemplares, se ben unha parte son para agasallos de protocolo do Concello do Carballiño e outra para as persoas que cederon as fotografías e para a propia asociación fotográfica.

Unha escolma deste libro, con fotografías ampliadas, formará parte dunha das exposicións destas XOCIVIGA, que poderá verse na Casa da Cultura a partir da tarde do martes, 26 de xullo