A xerente do CHUO escoita as demandas carballiñesas en materia de sanidade

14, Decembro 2016

A ampliación do servizo de Pediatría a xornada completa no centro de saúde e a necesidade dunha segunda ambulancia para cubrir a carencia comarcal, foron dous dos temas que se trataron durante unha reunión desenvolvida entre a xerente do Centro Hospitalario de Ourense, Eloína Núñez Masid; a directora de procesos asistenciais sen ingreso e xestora da área médica para os centros de saúde, Isabel Gómez, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Saúde, Marina Ortega.

O encontro, que se levou a cabo no CHOU por iniciativa da concelleira carballiñesa, tiña por obxecto, precisamente, analizar e plantexar unha serie de demandas sobre a sanidade pública no Carballiño.

Entre estas necesidades atópase poder dispoñer da especialidade de Pediatria de 8 da mañá a 9 da noite, e non só pola mañá, como sucede agora. Neste sentido, a xerente do complexo hospitalario de Ourense amosouse receptiva, dada a proporción de poboación infantil do Carballiño así como a necesidade de conciliación da vida familiar e laboral. Por iso, Eloína Núñez dixo que se ía a ter en conta nas próximas listas selectivas para persoal a quenda de tarde no centro de saúde do Carballiño.

Asemade, suxeriu solicitar de xeito formal por escrito unha segunda ambulancia á Fundación Urxencias Sanitarias do 061, motivando a súa necesidade.

Tamén se comentou a previsión de levar a cabo no primeiro trimestre do proximo ano a novedosa proba de cribado que detecta en fases temperás o cancro colorrectal, que é a segunda causa de morte no conxunto de homes e mulleres. Esta proba pioneira no noso país está dirixida á poboación de entre 50 e 69 anos.

Finalmente, cotexáronse datos e concretáronse melloras no tocante ao servizo preventivo de suicidios, que é tamén pioneiro na sanidade publica e exclusivo de Ourense en Galicia, que a convirte na provincia con menor taxa de suicidios da nosa comunidade autónoma.

Ao termo do encontro acordouse manter unha próxima reunión no primeiro trimestre do próximo ano para seguir traballando e avanzar na resolución das demandas e problemas da sanidade no Carballiño.