Xinetes a cabalo, carreteiros, arrieiros e músicos na andaina "Camiño de Nos" entre a Ponte Veiga e a Ínsua dos poetas. Celébrase este sábado dia 25 e a inscrición está aberta.

22, Setembro 2021

O vindeiro sábado, día 25 de setembro ás 11 horas, terá lugar a andaina cultural “Camiño de Nós” ambientada na viaxe a pé que realizaron dende Ourense a Santiago, en 1926, Ano Santo, os galeguistas do Grupo Nós: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Xavier Pardo, Afonso Vázquez Monxardín, Lois Feixoo e Antón Sánchez.

Para rememorar un camiño que xa existía dende a Idade Media, a organización ten prevista a ambientación oportuna baseada na tradición e nas investigacións históricas. Farase fincapé na rememoración cultural, na que haberá xinetes a cabalo, carreteiros, arrieiros, música tradicional, etc., unha forma de que os participantes se acheguen á historia e ao patrimonio cultural e natural da nosa comarca.

A ruta coincide co Camiño dos Arrieiros, importante vía de comunicación e de transporte de mercadorías, especialmente o viño, dende o Ribeiro a Compostela.

Neste percorrido histórico do tramo carballiñés entre Ourense e Compostela, poderán participar as persoas e colectivos interesados. As inscricións poderán presentarse no Departamento de Cultura ou ben por correo electrónica en oixcultura@carballino.gal

O percorrido será de4,5/5 km aprox. (10 km ida e volta aprox.) Pola Normativa COVID-19 é obrigatorio o uso de máscara e manter a distancia de seguridade necesaria. Ás 11,00 h. será a cooncentración e punto de encontro na Ponte Veiga, logo continuará a andaina a través de Ponte Veiga,A Costiña,Barro,O Pazo,Madarnás (entregarase froita e auga),A Esgueva e Ínsua dos Poetas.

Organiza:
Fundación Ínsua dos Poetas
Concello do Carballiño
Asociación de Concello do Camiño de Nós
Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Secretaría Xeral de Cultura, Xacobeo 21-22, Deputación de Ourense-Ourensanía
Patrocinan:
Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Xacobeo 21-22
Deputación de Ourense - Ourensanía