A xira "Lugares máxicos" de Carlos Núñez chega os dias 21 e 22 de Xullo ao mosteiro de Oseira e ao Templo da Veracruz

18, Xullo 2018

"Serán concertos moi divertidos nos que faremos un percorrido por mil anos de música, pero por riba de todo será un acto de amor polo país". Así resumiu o gaiteiro Carlos Núñez a súa xira de concertos "Lugares máxicos", que o levará por diferentes localizacións da provincia de Ourense ao longo dos meses de xullo e agosto para tocar en marcos de incomparable beleza do noso patrimonio histórico-artístico.

Os mosteiros de Oseira, Celanova e Santo Estevo, o castelo de Monterrei e o templo da Veracruz do Carballiño serán os lugares onde o máis internacional dos gaiteiros galegos amose o seu compromiso pola terra, "un acontecemento musical máxico polos lugares e polo protagonista", dixo no acto de presentación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen agradeceu "a aposta de Carlos Núñez por Ourense, un artista que utiliza a música como elemento de comunicación interxeneracional e internacional", e agradeceu "o apoio que prestan os concellos e os alcaldes de San Cristovo de Cea, O Carballiño, Celanova, Monterrei e Nogueira de Ramuín para acoller estes concertos que unen cultura, historia e talento, coa cooperación da Deputación".

Será tamén unha oportunidade para gozar –no primeiro dos concertos, o 21 de xullo, no mosteiro de Oseira- "da interpretación que farán once nenos, quen acompañarán a Carlos Núñez no escenario interpretando melodías cos instrumentos do Pórtico do Paraíso, construídos no Obradoiro de instrumentos da Deputación de Ourense que dirixe Manuel Brañas", expresou Baltar, remarcando que será "un acontecemento musical único".

Carlos Núñez dixo que esta xira "é un acto de amor polo país" e remarcou a importancia da música tradicional como "chave para darlle vida á historia e as músicas medievais". O gaiteiro, agradeceu o apoio da Deputación e de Ourense "para poder tocar en cinco lugares máxicos, nos que cada un inspira unha música", afirmou, subliñando que nesta serie de concertos "soarán músicas medievais, renacentistas, barrocas, galegas e tamén as últimas colaboracións que fixemos co mundo do cine".

Núñez lembrou que os concertos do ano pasado, realizados co apoio da Deputación de Ourense, "foron unha experiencia tan marabillosa que fixo que este ano abrísemos o abano para facer nove concertos por toda Galicia, animando á xente a que visite estes lugares incribles que temos na nosa terra".

O programa dos concertos comeza o vindeiro 21 de xullo no mosteiro de Oseira, para seguir o día 22 no templo da Veracruz, no Carballiño, e o día 24, no mosteiro de Celanova. Posteriormente, o 4 de agosto o escenario será o castelo de Monterrei, rematando a xira o 5 de agosto no mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil.