As Xociviga 2015 proxectarán preto de 20 películas, do 12 ao 16 de Agosto

1, Agosto 2015

A parte central da programación das Xociviga desenvolverase entre o 12 e o 16 de Agosto no Auditorio municipal do Carballiño..

Proxectaranse cerca de vinte películas, destacando recentes estreas como Retratos de familia (premiada no último Festival de Cannes), La mirada del silencio (gañadora do Festival de Venecia) ou Los caballos de Dios (gañadora do festival del Valladolid e que por fin chega ás pantallas españolas), combinadas con algunas das películas de mellor acollida entre o público e a crítica desta tempada, como Birdman (gañadora de varios Oscar, entre eles o de mellor película), Pride, El capital humano ou Nuestro último verano en Escocia, que se pasará en versión dobrada ao galego.

Precisamente o cine galego terá unha forte presenza, tanto de produccións como de directores, actores e equipos técnicos das películas, que se achegarán ao Carballiño nesas datas para presentar os seus traballos. A sección adicada aos máis cativos terá tamén sabor galego, coa exitosa producción galego-cubana Maimiño (a película máis taquilleira do cine cubano), a prácticamente estrea da última película de Digra, Holly nigth ou El club de los incomprendidos, xa que parte da súa producción é tamén galega. Haberá pases non só pola tarde senón tamén pola mañá dirixidos ao público máis xove.

As actividades paralelas estarán moi vinculadas ao ensino, con proxectos como Olloboi, as producción de varias Escolas de Imaxe e Son ou Fotografía en curso e Cine en curso, coordinadas polo CGAI. 

A  programación das Xociviga 2015 presentouse na Ínsua dos Poetas, coa proxección ao aire libre da película A esmorga, a que  asistiron máis de 150 persoas. O acto contou coa presenza do Director Xeral de Política Linguística, Valentín García, o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, o presidente da Fundación Ínsua dos poetas, Luís González Tosar, e representantes do Cine Club Carballiño. 

Premios Xociviga 2015

A Xociviga de Honra recaeu este ano na actriz Rosa Álvarez, pola súa dilatada traxectoria de varias décadas, sobre os escenarios e máis no cine e na televisión nos seus diferentes formatos, compondo unha chea de personaxes nos que deixou pegada da súa versatilidade e bon facer dramático no ámeto teatral e audiovisual de Galicia.

A Insignia de Ouro foille otorgada a Xosé Enrique Acuña. Editor, xornalista e escritor, leva contribuído á recuperación da memoria gráfica e visual de Galiza por medio dunha traxectoria configurada desde un amplo abano de publicacións, edicións e, sinaladamente, como comisario de exposicións fundamentais para os procesos de restauración e posta en valor da nosa historia contemporánea. Galardoado co Premio da Crítica Galicia en 2010, é autor de distintas obras centradas no mundo do cine e a fotografía así como da novela “O café do Idioma”. Foi Director literario de Edicións A Nosa Terra e anteriormente Coordinador de Exposicións do Museo de Pontevedra. Entre 1987 e 1992 formou parte, como responsable de exposición e edicións, do equipo de dirección das XOCIVIGA.

O Xurado que estivo presente na lectura da acta, estaba composto por Eduardo Galán Blanco, cineasta, escritor, debuxante e crítico de cine, Moncho Lemos, locutor de radio e crítico de cine da CRTVG, José Prada Martínez, escritor e ex-director das Xociviga, Miguel de Cabo Ribeiro, presidente do Cine Club Carballiño, e Diego Fernández, concelleiro de Cultura, Educación, Mocidade, Normalización Lingüística e Voluntariado do Concello do Carballiño.