As Xociviga outorgan a insignia de ouro aos precursores, fai 50 anos, do Cine Club Carballiño

26, Xullo 2019

Seis dos socios e directivos fundadores do Cine Club Carballiño no ano 1969 serán homenaxeados nas Xociviga 2019 coa concesión da Insignia de Ouro do festival. Trátase de Eduardo Bernárdez López, Javier Romero Lorenzo, José María Álvarez Rabanillo, Julio Angel Marqués Domínguez, Pablo Pedro Paniagua Mariño e José Luis Cesáreo Gay.

Na acta do xurado reunido hoxe para tomar esta decisión reflíctese que a distinción concédese “pola súa condición de directivos-fundadores do Cine club Carballiño, o 28 de febreiro de 1969, cando promover a actividade cultural estaba sometida ao excesivo rigor e arbitrio, do control político-administrativo propio da Ditadura. Xunto aos seus compañeiros ausentes, Julio Castro Losada e Angelino García Bravo, asentaron os alicerces do que cincuenta anos despois continúa a ser unha feliz realidade, o Cine club Carballiño”.

As insignias seranlles entregadas durante a Gala de inauguración do festival, que terá lugar este próximo luns, 29 de xullo, ás 20,30 h., no auditorio municipal Manuel María.

O xurado estivo conformado por: Francisco José Fumega Piñeiro, alcalde de O Carballiño, en calidade de presidente; Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura, en función de secretario, ambos en representación do Concelo. Ademais de María Xosé Banga Rodríguez, María Dolores Veleiro Alemparte e Carlos Rodríguez Calvo, como membros partícipes na organización histórica das Xociviga desde a súa creación en 1984.

Na foto, catro dos fundadores da entidade cineclubista carballiñesa, nunha recente homenaxe que recibiron por parte do actúal Cine Club Carballiño.