A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para actuacións de rehabilitación ou embelecemento no Camiño Xacobeo

2, Decembro 2019

Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que acometan obras de rehabilitación ou embelecemento no perímetro de protección ou o campo visual do camiño, no caso da nosa comarca, a chamada ruta da prata que decorre por varias localidades dos concellos de San Cristovo de Cea e Piñor.

A Xunta de Galicia impulsará a mellora do embelecemento do Camiño de Santiago a través dunha achega de 1,2 millóns de euros que permitirá que se acometan iniciativas como a restauración de bens, actuacións en elementos que xeren un forte impacto paisaxístico nos diferentes itinerarios ou a substitución de elementos de mobiliario urbano deteriorados ao longo dos trazados, entre outras actuacións.

As solicitudes no prazo dun mes e poderán levar a cabo as súas actuacións a partir do 1 de xaneiro de 2020. Os beneficiarios recibirán, por parte do Executivo autonómico, o 75% do investimento realizado. Trátase dunha actuación que forma parte do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago, enmarcado no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, e que permitirá financiar máis dun cento de actuacións na Ruta Xacobea.

Dúas categorías
As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago están divididas en dúas categorías en función do solicitante. A primeira delas permite financiar un mínimo de 40 actuacións propostas por entidades locais, nas que se inclúen os concellos de Galicia polos que discorre algún tramo do Camiño ou calquera entidade supramunicipal galega (deputacións, mancomunidades...) sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Esta categoría conta cunha dotación de 600.000 euros.

A segunda liña está dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño de Santiago ou os arrendatarios dos citados bens. Neste apartado inclúense, ademais, comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común. Así pois, financiaranse un mínimo de 60 actuacións nesta categoría que conta cunha achega de 600.000 euros.

Cinco ámbitos de actuación
As actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia ao abeiro desta liña de axudas están incluídas en cinco ámbitos. O primeiro deles refírese a intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.

O segundo contempla actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña abrangue intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas.

As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago complétanse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta Xacobea.