A Xunta adxudica por 240.000 euros as obras de reforma da rúa principal de Boborás, que se iniciarán este mesmo outono

9, Outubro 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciará este outono as obras de acondicionamento e humanización da rúa Cristóbal Colón, a rúa principal da localidade de Boborás, e na que se ubican a casa do concello, o centro de saúde e a farmacia do municipio.

A Consellería de Medio Ambiente vén de adxudicar as obras, por un importe de case 240.000 euros, e de asinar o contrato de obra, que permite o inicio da actuación, que consistirá na recuperación dunha parte do espazo do núcleo tradicional de Boborás, identificado como rúa Cristóbal Colón.

Os traballos consistirán no levantado do firme de rego asfáltico, sumidoiros e arquetas do tramo, abriranse gabias para canalización de redes de alumeado público, electricidade, telecomunicacións e rede de pluviais e tamén se procederá á renovación da canalización de recollida de augas pluviais, ao soterramento das liñas de electricidade e de telefonía e concluirán coa instalación dun novo pavimento. O prazo de execución das mesmas é de oito meses.

Esta actuación desenvólvese no marco do Plan hUrbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia a prol do desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, e para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais. En definitiva, trátase de dar cumprimento a tres obxectivos, como estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.