A Xunta aproba o Plan Básico Municipal para o concello de San Amaro, que agora pasa a exposición públicia

A Xunta vén de aprobar de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) do concello de San Amaro para dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
Tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.
O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.040 habitantes, clasifica un total de 62 núcleos rurais, repartidos en 8 parroquias. Deles, 46 son tradicionais, 7 comúns e 9 combinan partes tradicionais e comúns.
Ademais o Plan tamén contempla un total de 160 elementos de patrimonio cultural. Deles, 19 son bens etnolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC); e entre os Bens Catalogados (CAT) hai 27 arqueolóxicos, 43 arquitectónicos e 71 etnolóxicos.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais.
O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.
Na comarca do Carballiño xa contan con aprobación inicial do PBM os concellos de San Cristovo de Cea, Punxín e Beariz.