A Xunta aproba a recualificación urbanística de 9.017 m2 en Outeiro Grande

4, Outubro 2013

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión desta semana a modificación puntual das normas
subsidiarias de planeamento do Concello de Maside , no ámbito da rúa Outeiro
Grande e o seu contorno.

Esta modificación puntual ten por obxecto a recualificación dun ámbito de 9.017 m² como
solo urbanizable, conforme o establecido na disposición transitoria 13 da Lei de solo, para
integrar e ordenar normativamente o asentamento da rúa Outeiro Grande e o seu contorno
no planeamento vixente.

Este ámbito de actuación é un asentamento xurdido á marxe do planeamento arredor da rúa
Outeiro Grande, contiguo ao núcleo urbano de Maside capital, que afecta dúas zonas
separadas conectadas pola citada rúa, situadas segundo as normas subsidiarias (NNSS) en
solo non urbanizable (actualmente solo rústico) e en solo non urbanizable de especial
protección (rústico de especial protección).

Coa modificación puntual pasan a ser solo urbanizable delimitado un total de 7.602 m² de
solo non urbanizable (solo rústico) e 1.415 m² de solo non urbanizable de especial
protección (solo rústico de especial protección).

Deste modo, a modificación puntual establece a regulación detallada do sector co contido e
determinacións necesarias para o seu desenvolvemento ordenado.

Aprobación das modificacións de planeamento
O expediente tramítase ao abeiro do disposto nos artigos 93 e 95.2 e 4 da Lei 9/2002, do 30
de decembro, de ordenación urbanística e protección do ambiente de Galicia (Lei de Solo),
que determina que a competencia para a aprobación definitiva das modificacións de
planeamento municipal que terán por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial
protección corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da
Comisión Superior de Urbanismo.

En abril de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter
esta modificación a avaliación ambiental estratéxica. Posteriormente o Pleno municipal
aprobou inicialmente a modificación puntual e expúxoa ao público.

Finalmente, o propio Pleno aprobou as correccións da modificación e remite a
documentación á Xunta de Galicia, constando o 18 de setembro de 2013 o informe
favorable da Comisión Superior de Urbanismo.

A día de hoxe, o Concello de Maside dispón de normas subsidiarias de planeamento
aprobadas en outubro de 1985, que tiveron dúas modificacións puntuais.