A Xunta cifra en "máis de 20.000 persoas" a asistencia á Xuntanza de Maiores

13, Xuño 2010

A convocatoria festiva que cada ano organiza a Xunta no parque municipal carballiñés rexistrou este ano un notable descenso de asistencia, que según os propios datos facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar estarían arredor das "20.000 persoas procedentes non só do territorio galego, senón doutras comunidades autónomas como Asturias e Castela-León". Unha cifra de afluencia a esta xornada festiva que se queda, pois, moi por debaixo das acadadas fai unhos anos atrás, aínda que xa no pasado 2009 constatárase un retroceso en asistencia de público. Este ano, o descenso de participantes aínda foi máis acentuado nos locais de hostelería do casco urbano, nada que ver cos cheos que presentaban os comedores dos restaurantes noutras ocasións. O número de autocares que trasladan atá O Carballiño ós participantes, un indicador bastante real para cuantificar a asistencia a esta Festa dos Maiores, foi de 270, que se multiplicamos por unha media de 45 persoas por autocar, sumamos un total de 12.150 persoas, aínda que tamén é certo que moitos autocares chegaron con numerosas prazas libres.