A Xunta colabora co concello de San Cristovo de Cea na humanización de varias rúas da localidade, que conta cun investimento conxunto de preto de 700.000 €

A Xunta colabora na actuación de humanización de varías rúas do concello de San Cristovo de Cea, que suporá un investimento total de preto de 700.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, vén de asinar en San Caetano o convenio de colaboración co alcalde do concello ourensán, José Luis Valladares, para o financiamento conxuntamente das intervencións.
As obras, que contan cun prazo de execución estimado de 6 meses, teñen como obxectivo acometer o acondicionamento de rúas situadas na parte máis antiga da vila, que se atopan en estado de deterioro. De xeito, as intervencións proxectadas inclúen a demolición da soleira de formigón actual, a renovación do pavimento, a instalación dunha nova rede de saneamento e o soterramento de todo o tendido de cable aéreo das instalacións de electricidade, telecomunicacións e alumeado público.
Estas actuacións contribuirán á mellora da calidade de vida da veciñanza e tamén ao desenvolvemento económico dun núcleo rural do interior de Galicia, o que posibilitará a fixación de poboación.
Ademais, a renovación desta contorna favorecerá o funcionamento do comercio, da hostalaría e reforzará o pulo turístico que xa existe na localidade ao ser atravesada pola Vía da Prata do Camiño de Santiago e pola súa proximidade ao Mosteiro de Oseira.
De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta asumirá o 70% do custe destas intervencións, O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de máis de 488.000€, contratará e executará as obras. O Concello de San Cristovo de Cea achegará o 30% restante do custe estimado das actuacións, uns 210.000 euros e realizará as xestións para posibilitar a execución das obras, e comprométese á conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.