A Xunta destaca na comarca do Carballiño o potencial da artesanía e do comercio local para a dinamización do rural e a vertebración do territorio

23, Marzo 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, estivo na comarca do Carballiño onde visitou primeiramente o establecemento do Carballiño da froitaría Amoras, recoñecida co Premio Comercio Emprende 2025, e deseguido o obradoiro artesán o Reberete, en San Cristovo de Cea. González aproveitou para poñer ambos proxectos como exemplos do potencial da artesanía e do comercio de proximidade para a dinamización económica do rural e para a vertebración do territorio coa conseguinte fixación de poboación.

Primeiro, no Carballiño, os representantes autonómicos visitaron Amoras -iniciativa da emprendedora, Ana Rodríguez-un dos negocios galardoados cos Premios do Comercio Galego 2025, polo seu proxecto que partiu de coller o testemuño dunha froitaría familiar tradicional para converterse nun auténtico exemplo de emprendemento innovador. Nesa liña, José González salientou que a empresa conte con tres establecementos situados no Carballiño e en Maside, que incorporase servizos como cestas de froita personalizadas, almorzos a domicilio e arranxos ou composicións de froita para celebracións e eventos, así como a venda a través da internet e unha fruit truck onde se dá unha segunda vida á froita transformándoa en produtos como zumes.

En segundo lugar, en San Cristovo de Cea, o conselleiro agradeceu o labor do obradoiro O Reberete, do artesán Roberto C. Pérez —inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia— por garantir a remuda xeracional na fabricación e reparación de instrumentos musicais tradicionais e populares galegos. Tras aprender o oficio nun taller local, hoxe consolídase —destacou— no seu propio como referente en fabricación manual e artesá de instrumentos de vento ou percusión característicos da nosa tradición, sen renunciar á investigación e necesaria innovación desenvolvendo prototipos e melloras técnicas no deseño ou no son das pezas, co fin de adaptarse ás esixencias da clientela.