A Xunta destina 153.000 euros ao ano para manter 22 prazas públicas no centro de Aspadisi

4, Marzo 2015

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou o centro ocupacional de Aspadasi no Carballiño, que oferta un total de 22 prazas públicas para persoas con discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina 153.000 euros ao ano.  A asociación Aspadisi ocúpase da formación de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Carballiño.

Piñeiro percorreu as instalacións de Aspadisi, nun edificio sito nas inmediacións do auditorio municipal do Carballiño,  e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro para coñecer de primeira man as súas demandas e, deste xeito, pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario.

 A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.