A Xunta destina 2 millóns de euros á licitación da obra de reforma do Centro Comarcal do Carballiño, que integrará a oficina de emprego e o polo de emprendemento.

9, Marzo 2026

O Goberno galego sacará en vindeiros días a licitación cun orzamento de preto de 2M € a obra de adecuación dun novo espazo no edificio do Centro Comarcal do Carballiño para integrar nel a oficina de emprego e o polo de emprendemento deste concello.

Esta actuación enmárcase na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e permitirá crear un espazo único de empregabilidade e talento, que favorece as sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, e responde ás necesidades do tecido empresarial da contorna.

Así o reflicte un informe sobre esta actuación analizado hoxe no Consello da Xunta que detalla os traballos que se van realizar. Neste sentido, a obra tamén incluirá o acondicionamento exterior deste espazo, situado na avenida de Pontevedra, nº 73, dotado con máis de 900 m2 de superficie construída. Isto suporá o traslado da oficina de emprego, que está actualmente na rúa Otero Pedrayo, nº 20, a este novo espazo, no que xa opera o polo de emprendemento, co fin de adecuar as instalacións ás necesidades operativas.

Deste xeito, darase continuidade ao labor da actual da oficina de emprego, que presta servizos de inscrición de demandantes de traballo, xestión de ofertas laborais e da formación para o emprego e orientación laboral, compartindo espazo co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que xestiona as prestacións por desemprego. En concreto, esta oficina atende veciñas e veciños dos municipios do Carballiño, Boborás, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Tamén potenciará o labor do polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, que comprende unha área de actuación de 31 concellos da zona e leva atendido —desde a súa posta en marcha no ano 2023— uns 400 proxectos empresariais, no marco dos máis de 1.100 asesorados na provincia de Ourense. Por sectores, predomina o dos servizos (máis do 20 %), seguido da hostalaría (17 %) e o comercio (máis do 10 %). Coas persoas atendidas neste polo realizáronse preto de 1.200 titorías e delas o 58 % son mulleres. Ademais, co seu labor contribuíu á creación de preto de 70 empresas.