A Xunta destina 872.816 euros á reforma do edificio do Colexio da Uceira, e outros 70.000 euros a melloras na Biblioteca Municipal

8, Maio 2019

A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ven de remitir ao concello do Carballiño o proxecto de rehabilitación do CEIP da Uceira, no que investirá 872.816,74 euros, que é a cantidade que se corresponde co orzamento do proxecto, e que sufragará íntegramente este departamento da Xunta de Galicia.

A reforma consiste na substitución da cuberta e mellor aillamento do forxado, mellora do aillamento térmico da fachada, substitución das fiestras sen vidrio aillante por outras con rotura de ponte térmico e aillamento, mellora do aillamento e moficiación das caixas interiores das persianas, substitución das luces por outras led, colocar falsos teitos nas aulas e nos espazos comúns baixándoos todo o posible, susbtitución das tuberías de ferro por outras de cobre nos baños, substitución das portas de acceso ás aulas na planta baixa e na zona antiga do centro, e pulido e abrillantado do pavimento do terrazo existente.

Xunto coa remisión do proxecto, a consellería solicita a concesión da licencia de obras correspondente co obxectivo de poder licitar e adxudicar canto antes esta reforma do colexio público da Uceira.

Melloras na Biblioteca Municipal

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asinou o convenio de colaboración remitido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para a reforma da biblioteca pública municipal. Esta reforma, que terá un custo global de 90.000 euros, dos cales 70.000 euros serán aportados pola consellería de Cultura e os 20.000 euros restantes polo concello do Carballiño, consiste no cambio do sistema de climatización, así como na susbstitución das fiestras e o remate da nova sala de lectura na planta baixa.

En canto se reciba o convenio asinado polo titular da consellería, Román Rodriguez González, o concello procederá á licitación e adxudicación deste proxecto, para excutalo o antes posible.

Esta reforma para a mellora da biblioteca municipal, complementa a realizada o pasado ano pola escola taller nos aseos e na planta baixa.