A Xunta destinou en 2021 axudas directas ao concello de Boborás, e indirectas a través das mancomunidades das que forma parte, por importe de 456.000 euros.

6, Xaneiro 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Boborás o ano pasado, que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de máis de 88.100 euros. Ademais, contaron cunha axuda para a adquisición dun vehículo todo terreo 4x4 tipo pick-up, por importe de 34.900 euros.

Por unha banda, visitaron o novo parque infantil situado nunha zona que xa concentra varios equipamentos públicos como o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas e o polideportivo. A Xunta achegou máis de 35.300 euros á dotación do novo parque para o desfrute da veciñanza e que contribuirá á rexeneración desta zona, na que se aglutinan distintos servizos municipais educativos deportivos e socioculturais. Os traballos incluíron a limpeza da parcela, así como a colocación dos xogos con temática de bosque, o pavimento de caucho, o valado de seguridade e a cartelaría e sinalización.

Por outra parte, o concello recibiu outros 28.725 euros para sufragar os gastos de persoal do servizo de auga potable e de saneamento, que se encarga do mantemento, a conservación, a vixilancia e o control e reparación da rede de distribución de auga e da lectura dos contadores. A Xunta apoiou ao funcionamento deste servizo o ano pasado cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), e outros 15.000 euros do mesmo fondo para o servizo de protección ambiental e do espazo natural da Mancomunidade da comarca do Carballiño, que integra Boborás con O Carballiño, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Tamén ao abeiro do FCA, a Administración autonómica destinou ao Concello de Boborás máis de 9.000 euros na mellora da rede de abastacemento en varios núcleos do municipio. Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello con estas dúas liñas de axudas e outras vías de colaboración entre a Xunta e as entidades locais, así como o apoio á Mancomunidade do Carballiño e á Mancomunidade Turística Terras do Avia das que forma parte, supera os 456.600 euros.