Xunta e Concello asinan un convenio para a promoción da Residencia de Tempo Libre

14, Agosto 2016

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fuemega, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a promoción da Residencia de Tempo Libre que a Xunta de Galicia ten en servizo no Carballiño.

. O obxectivo é impulsar o uso e aumentar os tempos de apertura desta instalación, que acada os seus maiores niveis de funcionamento na tempada estival –dende xullo ata mediados de setembro-, así como nos períodos de vacacións de Semana Santa e Nadal.

Rey Varela destacou a colaboración institucional entre Xunta e Concello para “conseguir un maior uso e aproveitamento dun patrimonio que é de todos” e ao que cómpre “quitar o maior rendemento posible en beneficio do desenvolvemento da economía e do turismo desta comarca”, engadiu. Neste sentido, as dúas administracións intensificarán o traballo de divulgación desta residencia co fin de chegar a un maior número de usuarios entre asociacións, colectivos e entidades.

O ente local ocuparase de contactar cos posibles usuarios interesados para ofrecerlles información e ofertarlles estancias, tanto para períodos de vacacións como para a celebración de diversos actos.

Pola súa banda, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ocuparase da xestión das reserva de prazas para os futuros usuarios da residencia, polo que o Concello do Carballiño dirixirá aos interesados ao departamento autonómico.

Ademais, o Concello fará extensiva a súa oferta de actividades de lecer e recursos turísticos coa finalidade de que os futuros usuarios da instalación poidan participar gratuitamente en calquera delas.

Asemade, o Concello confeccionará o material relacionado coa promoción da residencia; e incorporará toda a información relativa á mesma á páxina web municipal, así como un link de ligazón co Portal de Política Social, na cal se facilite información de interese para o usuario.

O acordo establece que o establecemento prestará servizos en tempada baixa e media sempre que a demanda chegue a un mínimo do 80% de ocupación.