Xunta e concello buscan fórmulas de colaboración para impulsar o tecido industrial e o emprego en Beariz

14, Novembro 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que se analizaron novos proxectos para impulsar o tecido empresarial e o emprego no municipio ourensán. Así, avaliáronse iniciativas como o desenvolvemento do futuro parque empresarial, e tamén se sinalou que o Concello estuda optar á convocatoria de obradoiros de emprego para 2020, cuxa convocatoria se publicará nos próximos meses.

Nos últimos anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou ao Concello, empresas e veciños de Beariz con axudas por máis de 500.000 euros que permitiron realizar investimentos de arredor de 700.000 euros.

Estes apoios poderanse ver reforzados nos próximos anos, xa que o municipio pertence á rede de Concellos Emprendedores. Pertencer a esta iniciativa permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética.

A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio.