Xunta e concello de Beariz culminan novas obras de mellora na aldea singular de Alvite, cun investimento de máis de 130.000 euros

31, Xaneiro 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquesz visitou a localidade de Alvite, no ooncello de Beariz para comprobar o resultado das obras de humanización acometidas grazas a un convenio de colaboración asinado entre o seu departamento e o Goberno local. Concretamente, a responsable autonómica explicou que a zona da intervención é unha aldea singular que nos últimos anos experimentou un gran pulo e desenvolvemento desde o punto de vista social, demográfico e mesmo turístico.

Coa recuperación da que é a súa vía principal, actuando sobre o pavimento coa colocación de adoquíns de granito moreno e mellorando e renovando as instalacións para a recollida das augas pluviais e outros servizos, a conselleira salientou que se crea un entorno “adaptado, seguro e accesible para todos” e se reverte á vez a situación de deterioro na que se atopaba anteriormente esta rúa. Cun investimento superior aos 130.000 euros, a responsable autonómica enmarcou a actuación en Alvite dentro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai unha década para apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial.

Beariz foi un dos municipios beneficiados e grazas aos distintos convenios de colaboración subscritos coa Xunta nos últimos anos puido levar a cabo varias actuacións de acondicionamento e mellora en prazas e rúas do termo municipal así como na contorna da Casa Consistorial cun investimento de case 400.000 euros.