Xunta e concello traballan "no proxecto de melloras estéticas e funcionais" na Praza de Abastos do Carballiño

1, Xuño 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este pasado sábado a praza de abastos do Carballiño no marco da celebración da campaña Quere o teu mercado, unha iniciativa internacional á que Galicia sumouse en máis de 60 mercados de toda a Comunidade como parte do compromiso estratéxico da Xunta co fortalecemento das prazas de abastos como espazos fundamentais do comercio de proximidade e elementos vertebradores do territorio.

José González destacou que a praza do Carballiño é un exemplo do potencial que teñen estes espazos cando contan co apoio e impulso necesarios de todas as administracións implicadas. Este mercado recibiu en 2024 unha axuda para a diagnose e, este ano, dispón dunha achega próxima aos 53.000 euros para avanzar no proxecto técnico e na execución das melloras estéticas e funcionais.

Durante a visita, o conselleiro puxo en valor a importancia desta campaña que contribúe a dar visibilidade aos mercados, atraer novo público consumidor e promover o produto galego de calidade. Destacou que as prazas de abastos non son só espazos de venda, senón tamén lugares de encontro e parte esencial da identidade dos municipios galegos. Nese sentido, salientou o traballo que está a realizar a Xunta a través do Plan estratéxico de comercio de Galicia, con actuacións específicas como o pulo ao selo Mercados Excelentes ou a futura iniciativa Prato de mercado que promoverá sinerxías cos mellores restaurantes das súas contornas.

A edición deste ano de Quere o teu mercado conta coa participación de 63 prazas de abastos localizadas en 52 concellos de toda Galicia, entre eles catro da provincia de Ourense —O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e Ourense—, que suman arredor de 2.550 praceiras e praceiros implicados. Ao longo desta xornada, a Xunta distribuirá máis de 4.300 mandís e 18.250 bolsas de algodón nos mercados participantes. Ademais, desenvolveranse diferentes actividades de dinamización como showcookings, actuacións musicais, sorteos de cestas de produtos, obradoiros infantís e concursos de debuxo, contribuíndo así a crear un ambiente atractivo e participativo.