Xunta e Deputación destinan 450.000 euros para a construcción dun edficio de usos múltiples no concello de Piñor

11, Agosto 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor, a través da Deputación Provincial de Ourense, investiron máis de 450.000 euros á construción dun edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde da localidade, José Luis González, visitou hoxe esta actuación, cuxo obxectivo é dotar a este municipio dun novo edificio multifuncional.

O novo inmoble consta de planta baixa —na que se localiza unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —con outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.

A directora xeral puxo en valor que este novo edificio de usos múltiples está localizado ao carón do albergue de peregrinos e dunhas pistas polideportivas, o que converterá esta contorna nun nodo de equipamentos e punto de encontro para a veciñanza da localidade.

Estas obras acometéronse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais.

Deste xeito, segundo explicou Encarnación Rivas, o Goberno galego financiou o 70 % do custo das obras e o concello achega o 30 % restante, un apoio económico que resulta clave para que moitos municipios poidan acometer obras de humanización que, como esta, inciden de forma moi positiva na calidade de vida da veciñanza e na habilitación de espazos públicos.