A Xunta enxalza aos impulsores do Ribeiro a prol da calidade, a tradición e a singularidade dos seus viños. O conselleiro José González foi o pregoneiro da Festa da Vendima de Leiro.

27, Agosto 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe un recoñecemento aos “impulsores do viño do Ribeiro”, pola súa contribución a difundir a calidade, a tradición e o carácter único desta produción agroalimentaria. O titular de Medio Rural exerceu como pregoeiro da XXXII Festa da Vendima de Leiro, onde enxalzou os viños do Ribeiro en particular e toda a riqueza vitivinícola de Galicia en xeral.

Así, José González, tras agradecer a “posibilidade, a honra e a oportunidade” de participar nesta celebración, lembrou os precursores da Denominación de Orixe Ribeiro, entre os que fixo unha referencia especial para o seu avó. Neste sentido, o conselleiro recordou tamén as súas vivencias persoais como neno criado na comarca do Ribeiro, con múltiples vencellos co mundo do viño.

Nesta liña, González puxo en valor esta festa, por reivindicar “un dos eventos máis importantes da bisbarra”, como é a vendima. Ademais, fixo referencia á historia do Ribeiro e a algúns dos seus momentos máis importantes, entre os que citou a capitalidade do Reino de Galicia que chegou a ostentar Ribadavia no século XI, a constitución do mosteiro de San Clodio no século XII ou a exportación dos seus viños a Inglaterra.

Na súa intervención, o conselleiro fixo tamén especial fincapé na importancia do cooperativismo para o desenvolvemento desta bisbarra, antes de remarcar a relevancia das variedades autóctonas como elementos que lle confiren personalidade propia a estes viños. Engadiu que a viticultura é unha actividade económica rendible e con futuro, incidindo na cultura do esforzo como clave para acadar o éxito tanto nesta como en calquera outra actividade. En parecidos termos, o conselleiro salientou que a Xunta comparte a aposta dos promotores do Ribeiro pola singularidade e a calidade destes viños e traballa para poñelos en valor.

"A aposta da Xunta polo viño galego en xeral e polo Ribeiro en particular concrétase con iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, posta en marcha polo Goberno galego para potenciar o cultivo de viñedo e mellorar a competitividade do sector", remarcou o conselleiro.

Ademais,destacan desde a Xunta que "dentro do propio concello de Leiro, trabállase no novo polígono agroforestal de Barzamedelle, moi vinculado á produción de viño e que permitirá mobilizar 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños. Segundo a súa guía produtiva, establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo e froiteiras-, de ciclo curto e sistemas agroforestais, sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous".