A Xunta estuda colaborar co concello de Beariz para a humanización de varias rúas do municipio, asi o acordaron o alcalde Manuel Prado e a conselleira Ángeles Vázquez.
A Xunta de Galicia e o Concello de Beariz analizarán as posibilidades de colaborar nun novo proxecto urbanístico que permitiría a humanización de varias rúas do municipio. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Manuel Prado, na reunión que mantiveron hoxe para abordar este e outros asuntos de interese municipal.
Durante o encontro, o alcalde trasladoulle á vicepresidenta segunda que o proxecto municipal inclúe, entre outras cuestións, a mellora dos pavimentos, o soterramento das instalacións aéreas e a adaptación á normativa vixente sobre accesibilidade.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez informou ao rexedor da posibilidade de que esta iniciativa municipal, se poida acoller ao chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70% da obra e o concello asumiría o 30% restante.
Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas, das que ao redor de 170 se levaron a cabo na provincia de Ourense, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.
De feito, o concello de Beariz xa levou a cabo actuacións ao abeiro desta liña de financiamento, como, por exemplo, a mellora da contorna da Casa do Concello e a humanización de rúas no lugar de Alvite.