A Xunta executará unha senda peonil na rúa Ourense e na súa conexión coa avenida 25 de xullo, ao paso polos concellos de Maside e do Carballiño As obras comezarán nas vindeiras semanas

15, Marzo 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará unha nova senda peonil na rúa Ourense e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo, ao paso polos concellos de Maside e do Carballiño.

Estas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Etelvino y Julio S.L., por un importe de preto de 50.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.

Con esta actuación a Xunta impulsa a mellora da accesibilidade para o tránsito peonil nas marxes da rúa Ourense, coincidente co treito da estrada N-541a situado entre os puntos quilométricos 0 e 0+230, e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo.

Deste xeito, aténdese ás necesidades de mellora da seguridade viaria nesta contorna con paso constante de peóns que fan uso dos distintos servizos existentes na zona: gasolineira, supermercado e para as propias vivendas da zona.

Os traballos iniciaranse na glorieta de intersección coa AG-54 e conectarán co paso de peóns situado no punto quilométrico 0+220, onde xa se dispón de beirarrúa actualmente en ambas as marxes. O tramo desta actuación pertence ao termo municipal de Maside, salvo os últimos 50 metros, entre aproximadamente os puntos 0+180 e 0+230, que corresponden ao concello do Carballiño.

Para garantir a accesibilidade da senda, adecuaranse as dimensións da plataforma da estrada compatible coa seguridade dos vehículos e peóns, para o que se reducirá lixeiramente a anchura dos carrís actuais, de 3,40 metros ata 3,25 metros, dotándose a estrada de beiravías de 0,50 metros.

A senda peonil executarase a ambos os dous lados da vía, dentro dos límites do dominio público da estrada. Na marxe esquerda, a senda proxéctase cunha anchura de 2 metros, a nivel da calzada e mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón de 15 centímetros de espesor reforzado con mallazo, sobre 25 centímetros de zahorra. Neste tramo, o paso de peóns do punto 0+220 conectarase coa beirarrúa existente e disporase o pavimento podotáctil necesario.

Na marxe dereita, a senda proxéctase cun ancho variable de entre os 1,80 e os 2 metros, en función do dominio público dispoñible, e co mesmo pavimento de formigón que na marxe esquerda. Nesta marxe tamén se dotará de accesibilidade o paso de peóns do punto 0+220, e ademais mellorarase o firme no acceso do quilómetro 0+195, aproveitando para reubicar o paso de peóns existente nese punto para aliñalo co itinerario peonil creado.